En novembro de 2000, a Real Academia Galega fíxolle o encargo da redacción da gramática da institución ao equipo de gramática do ILG constituído polos asinantes desta comunicación. Ben entendido que no seo do ILG hai outros investigadores que tamén se ocupan de cuestións gramaticais, cos que mantemos unha relación de colaboración fluída, pero este equipo así conformado ten tras si unha xa longa experiencia de traballo conxunto, desde o momento en que eramos os cinco profesores que tiñan o encargo das materias de Gramática Galega (I e II) no antigo plano de estudos de Filoloxía Hispánica (Galego-portugués), pasando por trienios sucesivos dedicados aos proxectos de investigación en Gramática descritiva (1995-1997) e Sintaxe descritiva (1998...